É para min motivo da meirande ledicia poder aportar un pequeniño grao de area que axude a dar a coñecer a VIDA E OBRA do que foi excelente poeta galego, MANOLO RODRIGUEZ LOPEZ, o poeta obreiro, o poeta de Paradela. Co seu pasamento o día 13 de febreiro de 1990, Galicia perdeu a un escritor do que escribe outro gran escritor, Darío Xohán Cabana, o seguinte: "Na nosa memoria acouga a súa lembranza, e o seu espírito está nos libros que deixou, e sobre todo neste (Onte e Hoxe Vivencial) que garda o seu derradeiro alento lírico" (Limiar, p. 13).
Cando máis se podía esperar do seu xenio poético, deixounos dalgún xeito orfos. Porén, se ben é verdade que foi un Mestre no coñecemento do idioma de Rosalía e un inspirado poeta e notable cronista e narrador, non o foi menos na faceta de marido e de pai, sempre no seu sitio, sempre respetuoso, sempre garimoso, tanto coa súa dona Irene coma cos seus fillos Enrique e Santiago. E foi para min un dos meirandes, afervoados e indiscutibles amigos. Eu sempre me sentín con el na obriga de corresponder ás moitas deferencias que de continuo tivo comigo. Inda teño estereotipada no máis fondo da alma, e inda sona nos meus oídos, unha frase de tristura que me dixo estando en compañía de Xesús Vázquez Sánchez cando o visitei no Hospital Clínico de Barcelona. Falamos da actualidade e en algo non estivemos de acordo. O fin da conversa, díxome: "Blanquiño (atristurado) perdona. Non quero que te enfades por isto comigo". "Podes estar tranquilo lle dixen que eu, endexamais me podería enfadar contigo. Ti sabes moi ben que todos somos libres de opinar e respetar a opinión dos demais". Foi a derradeira conversa que tiven con el.