SANTIAGO RODRÍGUEZ, O XENETISTA DE PARADELA QUE TRIUNFOU NA UNIVERSIDADE DE BRISTOL
Santi Rodríguez deixou orfos á familia e aos amigos o “Día do Pai” de 2024. Era Catedrático da Universidade de Bristol. Tiña 52 anos. Ao día seguinte, Paradela, “patria dos seus antergos”, nomeábao Fillo Adoptivo, e as súas cinzas van repousar no Panteón de Paradelenses Ilustres, xunto ao seu pai, Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto do Concello.
Santiago (Barcelona, 1971), fillo de emigrantes (Manuel Oreste Rodríguez, de Paradela, e Irene López, de O Páramo), residiu en Barcelona ata os 14 anos. Viviu en Lugo, Compostela, e por fin no Reino Unido como profesor universitario en Southampton e Bristol. Casou con Mary Rodríguez Rolle, e teñen un fillo, Carlos.
O día da súa voda
Xenetista e Catedrático
Licenciado en Bioloxía pola USC (Premio Extraordinario) e Doutor en Xenética (Sobresaínte “cum laude”), ensinou como bolseiro postdoutoral na USC e cunha beca Marie Curie da UE en Southampton. E foi Profesor de Xenética na Universidade de Bristol, e posteriormente Catedrático.
Director dun grupo de investigación da influencia da xenética nas enfermidades humanas, foi membro do “Editorial Board” da revista “Genes”, autor dun cento de artigos de Xenética e revisor de contidos de prestixiosas revistas científicas internacionais.
Ensinou Epidemioloxía Xenética na Licenciatura de Medicina; codirixiu a Licenciatura de Medicina Xenómica e foi profesor de postdoutorais no curso “Genetic Epidemiology”. Dirixiu numerosas teses doutorais e o “Student Choice” da Licenciatura de Medicina, con 750 alumnos cada ano, e participou en máis de sesenta congresos da súa especialidade por todo o mundo.
Mari e Santi, no Reino Unido
Santiago e Manuel Rodríguez
Fillo do mellor poeta obreiro galego da segunda metade do século XX, asumiu o papel de transmisor da súa obra que, con Paradela como punto de referencia, investigou e honrou, publicando despois do pasamento, en poesía, “Onte e hoxe vivencial”(1995); “A Atlántida” (1995), versión galega do poema de Jacint Verdaguer; “M.R.L., Poesía Completa” (2009) e “M.R.L., Antoloxía Poética” (2014). En prosa: “Volta a España a pé”(1990), versión galega do libro de Manolo Silva.
Á esquerda, os irmáns Santi e Enrique. Diante, Irene e José Manuel Mato no cemiterio de Paradela
Recuperou os libros inéditos “Historias, contos e xentes de Paradela”, “Vivimos unha longa traxedia” (teatro), “O Páramo”, “Vacacións en Galicia: Vivir Galicia”, “Lugueses” e “Semblanzas de galegos ilustres”, colaborando en “Aliad-Ultreia. Poesía. Pintura” (1993) e “Vida e obra de Manuel Rodríguez López” (2000).
Santiago e Irene, a súa nai, diante da placa que da o nome de Manolo á Casa da Cultura de Paradela
Publicou, na Biblioteca Virtual Egeria, “En torno á parábola das cereixas de Xulio Xiz” (2018), “Poemas Populares Galegos. 50 aniversario” (2018), “A Paradela de Manuel Rodríguez López” (2019), “Dos Parábolas de Amor”, con Mary C. Otero Rolle (2020), “Sintiendo lo que fui” (2020) e “Turbulencias curriculares” (2020), participando -sempre en función de seu pai- nos libros homenaxe a Xesús Mato, Xosé Manuel Carballo e Manuel Rodríguez, nos libros do Certame de Paradela, e efectuou con Alonso Montero, daquela presidente da R.A.G., a selección dos poemas da “Antoloxía Poética de Manuel Rodriguez López”.
No Certame: José Manuel Mato, Santiago Rodríguez, Xesús Alonso Montero e Valentín García Gómez
Desde o pasamento do pai, o Concello de Paradela, os amigos e a familia desenvolveron accións nas que Santiago foi elemento decisivo:
- As mostras “Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro” (que percorreu máis de 60 localizacións en Galicia, resto de España e Portugal) e “Manuel Rodríguez López 2.0”.
- A web www.manuelrodriguezlopez.org, coa máis ampla información que a páxina dun poeta tivo en Galicia débese a Santiago, biógrafo, perfecto coñecedor da obra e continuador do seu traballo.
- O Certame literario Manuel Oreste Rodríguez López, con éxito inusitado en Galicia, España e Hispanoamérica, que se celebra desde 1995. Santiago formou parte do Xurado, editaba o libro anual, e o seu fillo Carlos ten tocado o violín nas entregas de premios.
Santi e o seu fillo, en Cambridge (2022), na graduación de Carlos no Master de Musicoloxía
Na actualidade, se Manuel Rodríguez López é coñecido como “O poeta de Paradela” débese en gran medida a Santiago, o seu devoto fillo.
Santi, familiar, amigo... Imprescindible!
Brillante na investigación e no ensino, desde Paradela temos que destacar o seu estar e ser... A súa bonhomía. Se foi fillo excelente, agarimoso con Irene e coa memoria do Pai, e o irmán perfecto con Enrique, casou con Mary Otero Rolle e foi exemplar marido, formando ambos a familia perfecta para querer e educar un fillo que, músico e musicólogo, actúa por toda Europa dirixindo as súas propias agrupacións musicais.
Santi, Mary e Carlos
Se para a familia era imprescindible, o mesmo era para os amigos: Servizal, entregado, concienciudo, agarimoso, sabio... entregábase por enteiro ao traballo, á creación, ao consello, á amizade. Sempre estaba, sempre guiaba e acompañaba. Era coma seu pai, como toda a súa familia, dos “bos e xenerosos”, imprescindibles. Dos que non morren, porque sempre estarán no corazón dos que tanto lle debemos.
Diploma de Fillo Adoptivo de Paradela
Vídeo do acto de nomeamento de Fillo Adoptivo de Paradela (16/04/2024)
Documentación Oficial
Informe - Proposta do instrutor do procedemento
Anexo ao Informe: Santiago Rodríguez e Paradela
09/04/2023: Invitación da alcaldía ao acto de nomeamento de Fillo Adoptivo de Paradela
10/04/2023: Resolución do Concello para o nomeamento de Fillo Adoptivo de Paradela
Intervencións no acto de nomeamento de Fillo Adoptivo de Paradela (16/04/2024)
José Manuel Mato Díaz, instrutor do expediente
María Montserrat Mulet Sar, alcaldesa de Paradela
Carlos, fillo de Santiago Rodríguez
Na Prensa
Meus irmáns, por Xulio Xiz (La Voz de Galicia, 26/03/2024)
Funeral en Paradela por Santiago Rodríguez López (La Voz de Galicia, 09/04/2024)
Esquela de Santiago Rodríguez López (El Progreso, 15/04/2024)
Homenaje en Paradela a Santiago Rodríguez López (La Voz de Galicia, 16/04/2024)
Paradela honra o xenetista Santiago Rodríguez, un "imprescindible" (El Progreso, 17/04/2024)
Paradela recordó al científico Santiago Rodríguez (La Voz de Galicia, 17/04/2024)
En Internet
Fallece el doctor en Genética por la USC, Santiago Rodríguez (El Español, 20/03/2024)
Santi, Manolo e Mato no 'ceo dos galegos', por Xulio Xiz (GaliciaDigital, 19/04/2024)
Fotografías do acto de nomeamento de Fillo Adoptivo de Paradela (16/04/2024)