Manolo era o compañeiro que sabías non che había fallar nunca e que sempre sabía estar no seu posto. O seu posto non era outro có de avivecedor da vida galega en tódolos eidos. A súa ausencia vaise notar precisamente porque nos vén demostrar o moito que fixo este home dende posicións repregadas e sen ningún afán de notoriedade. Manolo foi deses homes dos que sempre se precisa e que deixan un oco nada doado de encher.
Coa morte de Manolo Rodríguez os galegos de Barcelona perdemos un amigo e un embaixador inesgotable na nosa terra. Galicia, tódolos galegos, perdemos unha persoa que fixo país no senso fondo da expresión. O seu pasamento deixa, dalgún xeito, un espacio baleiro no noso espíritu e na nosa terra. Orgallá o seu exemplo rexo e decisivo siga a estimula-lo esforzo dos máis novos. Galicia así o precisa e esa ha se-la mellor homenaxe que poderíamos tributar ó compañeiro morto.