Biografía
Manuel Oreste Rodríguez López naceu en Paradela (Lugo) o 11 de decembro de 1934 e faleceu en Lugo o 13 de febreiro de 1990. Con tan só seis anos emigrou cos seus pais a Barcelona, onde viviu a maior parte da súa vida. En 1987 regresou a Galicia para afincarse en Lugo. Fixo estudios de Humanidades e Filosofía no Seminario Diocesano de Barcelona. Logo estudiou Contabilidade e Lexislación Laboral, exercendo profesionalmente como Xefe de Persoal dunha empresa siderometalúrxica. Casado con Irene López Gómez e pai de dous fillos.
Dende moi novo sentiu inquedanzas literarias en galego, influenciado polo amor que os cataláns senten pola súa terra. Lonxe de Galicia, estableceu contacto coa literatura galega a traverso dos libros galegos e tamén por medio de correspondencia epistolar con destacadas personalidades da cultura galega tales como Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Puente, Darío Alvarez Blázquez, Xosé María Alvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Anxel Fole, Leandro Carré, Manuel María, Xesús Alonso Montero, etc.
A súa producción poética ten lugar maioritariamente a finais dos anos sesenta e principios dos setenta. Nesa etapa escribiu tres libros de poemas (a publicación dun deles retrasouse unha década por ser censurado en 1969). O seu derradeiro libro de poesías escribiuno a finais dos anos 80 e publicouse póstumamente en 1995. Entre eses dous periodos, seguiu escribindo poesía esporádicamente, conseguindo numerosos premios literarios entre os que destacan os primeiros premios de poesía Meigas e Trasgos de Sarria (1976 e 1980), o Premio Xosé Mª Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba (1977) e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte (1985). En 2009 publicouse nun volume a súa Poesía Completa. Varios dos seus poemas foron musicados e cantados por Suso Vaamonde, Xerardo Moscoso, Alfredo González Vilela e Mary Carmen Otero Rolle. Dentro da súa actividade poética cabe tamén destacar a súa faceta de tradutor, que emprendeu meses antes do seu falecemento coa tradución ó galego de L’Atlántida de Verdaguer (publicada postumamente pola Xunta de Galicia en 1995).
Manuel Rodríguez López tamén cultivou extensamente a prosa, ben escribindo dous libros de contos ambientados na súa Paradela natal (Reencontro coa aldea e Festas da Virxe das Dores de Paradela), ben como cronista das actividades dos galegos en Cataluña (dous libros publicados nos anos 80, Galegos en Catalunya 1978-1982 e Galegos en Catalunya 2, foron froito desta actividade) e ben como cronista das viaxes que fixo con Anxel Fole por terras galegas (Viaxes con Anxel Fole). Foi Cronista Oficial do Centro Galego de Barcelona, corresponsal en Barcelona dos xornais “Faro de Vigo” e “El Ideal Gallego”. Publicou gran cantidade de artigos en diversos medios de comunicación arxentinos, en “El Progreso” de Lugo, “La Voz de Galicia”, en “Praza Maior” (voceiro do Concello de Lugo) e en varias revistas do Centro Galego de Barcelona. En prosa, tamén conseguiu diversos premios, destacando o primeiro premio Nós de Barcelona (1980), premios Meigas e Trasgos en Sarria (1977 e 1986) e premio en Baracaldo (1978). Nos Premios Galicia de Xornalismo, quedou finalista na sección de Reportaxe, nas convocatorias de 1985 e 1987.
Manuel Rodríguez López é recoñecido na terra que o viu nacer. No ano do seu falecemento foi nomeado “Fillo Predilecto de Paradela” (tamén “Lucense del año 1989”). Os seus restos mortais descansan no Panteón de Paradelenses Ilustres no cemiterio de San Miguel de Paradela. O centro socio-cultural de Paradela leva o seu nome. E dende 1995 vense celebrando en Paradela o “Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López”.
OBRAS