Hai uns días que nos deixou Manolo Rodríguez López, “Oreste”, como soía afirmar moitos dos seus artigos xornalísticos, un home do que, recurrindo ó tópico machadiano, habería que dicir que era “no bó senso da palabra, bó” (…) Hai uns días chegou pola noitiña á redacción de El Progreso. Traía un artigo para “Táboa Redonda” e, como sempre, estivemos a falar un pedazo: da súa recente operación, da que se atopaba moi recuperado, dunha nova colección literaria que estaba a piques de saír e, coma non, do idioma galego, a súa paixón de vello. Logo de parolar media hora, marchouse discretamente “pois non quero molestar máis o voso traballo”. Os dous días, polo seu fillo, coñecía da súa morte. Cando morreu Anxel Fole, “Oreste” escribiu: “Coa perda de tan esgrevio compañeiro de viaxes e inesquecibles xuntanzas, as miñas ilusionadas vacacións en Galicia perderon senso, murchadas polo loito”. Eu sei que agora, cando chegue o verán, non agardarei a chegada de Manolo pola redacción, disposto a levarse a Fole por eses camiños patrios porque os dous están agora no mundo dos bós e xenerosos. Ainda que no caso de “Oreste”, está sempre connosco presente, tal e como deixou dito nun poema seu: “Por oxe deixote / pro non coides, Xaniño / que xa ten rematado o meu cantar.