Ir o contido principal

Premios de Poesía

 
1º premio "MEIGAS E TRASGOS" de Sarria, polo poema "TI ES ETERNO" (1976)
 
TI ES ETERNO
 
A Xulio Xiz
 
Agro galego,
paridor inesgotable de clorofilas,
paradiso sucado
por infindos regueiros
de seme ninfático
fertilizador das túas entrañas,
sempre disposto 
a froitificar
en ricaces centeos,
frescos lameiros,
soutos acugulados de ourizos,
mestas carballeiras,
piñeirais aviados con traxe novo,
eucaliptos que se arrandean perto do ceo,
ribeiros e albariños gasalleiros,
figos celmosos
e hortas ateigadas de mantenza...
Ti es eterno.
Enxamais morrerás, agro galego!
 
A pesares do televexo,
da radio e das estradas,
que invaden teus currunchos
noutrora isolados,
a pesares da sociedá de consumo
que te materializa,
encadea,
masifica e domea
engaiolándote con feitizos,
barullos, gargalladas, firmas de letras
a pagar en tres, sete, nove meses...
A pesares da dignificación dos mitos
ti es eterno!
   
Inda que as túas donas acaden afogar a voz anterga
amamantada no sermo vulgaris;
inda que, desleigadas, se deixen cegar polo meiguizo
turístico-propagandístico-auditivo-visual
do «Viva la Vida», «Contamos contigo»;
inda que reneguen de ser un pobo diferenciado
e ensinen o castrapo ós seus nenos;
inda que se mergullen nos rechamos mendaces
alleos-trunfalistas que nos disipan...
ti es eterno!
 
Inda que se esborralle
o idioma arrequentado polo pobo,
a multisecular fonía céltiga
non morrerá!
 
Agro galego,
noutrora huchete choído
que atesourabas garimoso
as alfaias e pérolas do verbo
pulimentado nos beizos labregos,
está a chegar o intre da coitelada final!
 
Érguete!
Esfrega os ollos e arreponte baril!
Calca forte e altivo polos teus vieiros!
Faite irmandiño defensor da fala dos avós!
 
 
1º premio do Concello de Vilalba, polo poema "A EMIGRANTE" (1977)
 
A EMIGRANTE
 
 
Onte chegaches pra pedir traballo
á gran cidade; que deixaches, dona,
os cativiños e o marido lonxe
nunha casoupa.
 
No asfalto e no rebumbio mergullada,
ninguén enxoita as bágoas que che escoan,
ninguén cavila na tristura infinda
que te aferrolla.
 
A túa ialma esnaquizada zuga
o fel acedo do emigrante sino,
e a todas horas, soia en terra allea,
soñas cos fillos.
 
Il non ten saúde; que a perdeu moi novo
tronzando toros, removendo pedras,
rozando toxos e cavando a bouza
na probe aldea.
 
Somentes quedan os teus brazos rexos
pra erguer a casa asulagada en tebras;
coitados nenos, de farrapos cheos...
como langrean!
 
II
 
Da noite roubas horas de descanso
e fas roupiña prós meniños teus;
comes codelos pra aforrar os cartos
do longo mes.
 
Non es ti soia! Se somentes ti
o fel beberas da inxusticia moura,
que abura un pobo, que atanaza a raza,
que nos esfola...
 
Donas e mozas a milleiros fuxen
a terra estraña, percurando o pan;
que as leis non valen pra sandar as chagas
do probe lar.
 
Fica ermo o pobo. Soio quedan vellos,
homes eivados, silvas, corgas, nenos...
Galicia é fonte que somentes deita 
prantos tristeiros.
 
III
 
Non canto á dona que no pazo folga.
Non louvo, NON, a enseñoreada lurpia
nen a burguesa que esqueceu a lingua
e a caste súa.
 
O meu poema, mesturado en sangue,
alauda a probe e a emigrante cansa
do vieiro longo, do camiño choído,
desfeita en bágoas.
 
Eu canto á dona que en lonxanos eidos
soña os seus nenos!
 
Eu canto á moza que en cidade allea
soña coa aldea!
  
Eu canto á avoa que acanea a filla
da súa filla!
 
 
 
 
3º premio do III Concurso Poético de Begonte polo poema "PELENGRINOS AO BELEN DE BEGONTE" (1980)
 
PELENGRINOS Ó BELÉN DE BEGONTE
 
I
 
Debullando cantares
os vieiros de Galicia
acoden a Begonte 
choutando de ledicia.
 
Os ventos do Cordal
e os da Cova da Serpe
repican muiñeiras
e alboradas de neve.
 
E o Parga despreguízase
pra rezarlle unhos salmos
ó meniño Xesús
nunhas pallas deitado.
 
II
 
Pra aledar ó filliño de Deus
 os Querubes baixaron do ceo;
 as folerpas devalan mainiñas
 e rebulda na cova un luceiro.
 
Pelengrinos da Terra Chairega
–vellos, mozos, os ricos e os probes–
teñen presa por ver ó Ruliño
que naceu no Belén de Begonte.
 
Os castiros, salgueiros e chopos
arrecenden a incenso e os prados,
sabedores do grande milagre,
estrearon un traxe de orballo.
 
III
 
Aterecidos de frío,
arelante o corazón,
nesta noite de Esperanza
acolle a nosa oración.
 
Debruzados ó teu pé
pedímosche que benzoes
esta coitada Galicia
enloitada, triste e probe.
 
Que remate a emigración 
e as liortas caciquís
e que, todos vencellados,
fagamos un gran País! 
 
 
Accésit e Diploma de Honor do Concurso Literario Nacional de Gastronomía, celebrado en Lugo, polo soneto "GABANZA DO PORCO" (1980)
 
GABANZA DO PORCO*
 
Mantenza sen parello en máis proveitos:
Entrecosto, lacón, raxo, cacheira,
Soá, pernil... forteza milagreira!
Obrigado xantar de nobres peitos!
N’abondan pra cantarche épicos xeitos,
Doce ritmo nen musa gasalleira!
É tal a regalía feiticeira
A que nos tés adoito tan afeitos...
Lambeteiras filloas, chicharróns,
Botelo, rabo, orellas e chourizos,
Enchentes de compangos e frituras,
Rito e consagración... Os corazóns
Tolean co teu cheiro e teus meiguizos,
Ouh porco, pai de esmorgas e farturas!
 
(*É un acróstico: as primeiras letras de cada verso compoñen o nome da entidade convocante)
 
 
1º premio "MEIGAS E TRASGOS" de Sarria, polo poema "NEOPLASIA" (1980)
 
NEOPLASIA
 
I
 
Poucas horas che quedan de folgo...
Engurúñame o peito somente pensalo!
Non che vale a menciña, meu rulo,
nin a cencia te pode salvar.
Que pecado fixeches,
que ruindade,
pra sufrires no abrente da vida
as angurias
da agonía?
 
II
 
Canto engado no riso dun neno!
Mesmo as verbas que empregan as mais
pra falaren cos fillos
–meu chorón, meu tesouro, luceiro,
picariño, ña xoia, meu ben,
galopín, bule-bule, meu cuco,
toleirón, churrusqueiro, meu rei–
son o celme de todas as linguas,
o requinte que agroma
nas vivencias máis puras do peito!
É posíbel que trunfe a podremia
nas fermosas meixelas dun neno?
 
III
 
Maldizoado o meigallo
que infestou o teu sangue
e murchou a souril regalía
dises ollos saltós!
 
Maldizoado o destino, abellón a zugar
no roibén dos teus labres! Malhaxa
isa lurpia noxenta
que sementa arrepíos de MORTE!
 
  
2º premio "MEIGAS E TRASGOS" de Sarria, polo soneto "A CASTAÑEIRA" (1983)
 
CASTAÑEIRA
 
Ouh mantenza ancestral da miña Terra,
froito ricaz do nobre castiñeiro,
vello petrucio, rexo cabaleiro
dos soutos, dos veigales e da serra.
 
Que celmes gastronómicos encerra
o excelente restrelo ventureiro!
Como estoupa no lume milagreiro
namentres a invernía funga e berra!
 
Bullóns, tan doces coma o mel. Mamotes,
compañeiros do leite e do touciño,
recendo das lareiras e dos potes!
 
Mes de Santos, magosto, novo viño,
troula na mocedade e nos rillotes,
fartos e ledos co xantar diviño...!
 
 
3º Premio "MEIGAS E TRASGOS" de Sarria (Mención Honorífica), polo poema " ODA PARA ÁNXEL FOLE” (1984)
 
ODA PARA ÁNXEL FOLE
 
Ourive da palabra anterga recollida
na fraga do Caurel ou nos verdecentes recantos
da Veiguiña. Testemuño
de medos tremebundos do alén
que, na noite inverniza, «á lus do candil»,
se mesturan coas sombras estarrecedoras
da cociña terrea.
 
Ilustre bardo que escribiches
a epopea inmortal dunha «terra brava»
na que se xunguen en simbiose ancestral
arrepiantes ouveos que entalan o peito,
o ruxir da arroiada treboenta,
o abafante caldo do mes da sega
e o ricaz agromar da farturenta primavera.
 
Intérprete baril da voz dun pobo
nobre e sinxelo, merecente
do teu verbo xenial!
 
Lucencio, Eginardo de Tor, Magister Gaudiosus,
Basiliense, Farruco de Caldas, Vicense,
Lucus, Don Fabulón...
 
Que ventureira restra de nomes lucidíos
–pólas vizosas do lanzal carballo–
no alter ego de Fole,
arqueólogo da lingua, señor de Basille,
de Romeán e de Córneas, de Quiroga e de Arcos!
 
Inspirado poeta de harmonías musicais
que deitan do máis íntimo
do teu ser xeneroso e puro
como as augas da verde serra.
 
Enxebre narrador de «historias que ninguén cre»
adubiadas no cruxol do misterio,
e de «contos da néboa» da Galicia eterna
que levas cravuñada no teu peito nobre!
 
Ánxel Fole dador de vida, alma e sangue
a tres xeneracións que viven no «cartafolio de Lugo».
Sigue, mestre, a falarnos de etimoloxías,
do primeiro cinema, do Papaovos,
do aviador Garnier, de Xan de Forcados,
do primeiro teléfono,
dos poemas de Yunque,
e non esquezas, si señor, o «pauto do demo»
que, xa sabes, na nosa terra ó demo, 
polo si ou polo non,
hai que prenderlle o cabo dunha vela!
 
 
1º premio do Certame Literario "PREMIO BEGONTE DE POESIA", polo poema "NOITE DE NADAL" (1985)
 
NOITE DE NADAL
 
            O pobo de Begonte, nesta noite sagrada,
            ós pés do Neno Dios, exulta de esperanza.
 
O vento cruza as fragas asubiando cantigas
e o Ladra nos caneiros ensaia panxoliñas.
A néboa desfiáñase e vai en procesión
por estradas e corgas deica o berce de Dios.
Milagreiras mapoulas e roibos estraloques
arrecenden pró Rulo os aromas máis doces
e a lúa e as estrelas, que relocen na chaira, 
tecen feixes de nácar, zafiros e esmeraldas.
 
            O pobo de Begonte, nesta noite sagrada,
            ós pés do Neno Dios, exulta de esperanza.
 
Namentres en Begonte, como en Belén noutrora,
os fieles cren na paz e de gozo reloucan,
o mundo, adoecido por guerras e liortas,
semella un suicida cavando a propia fosa.
Que en troques de atender á divina mensaxe
que anuncia o Dios Meniño –Amor, Paz, Irmandade–
o sangue empapa a terra e a técnica confunde
os vezos animais con Bondade e Virtude.
 
            O pobo de Begonte, nesta noite sagrada,
            ós pés do Neno Dios, exulta de esperanza.