Ir o contido principal

Opinións dalgúns persoeiros

"Este que tendes nestas páxinas é Manuel Rodríguez López de corpo enteiro: co seu amor á aldea, coa súa inxenuidade (grata e non pouca), co seu estupendo dominio do galego das terras de Sarria, coa súa visión elemental (e sincera) dos feitos, coa súa sinxela e grande capacidade comunicativa..."

ALONSO MONTERO, XESÚS

 

“É para min motivo da meirande ledicia poder aportar un pequeniño grao de area que axude a dar a coñecer a VIDA E OBRA do que foi excelente poeta galego, MANOLO RODRIGUEZ LOPEZ, o poeta obreiro, o poeta de Paradela. Co seu pasamento o día 13 de febreiro de 1990, Galicia perdeu a un escritor do que escribe outro gran escritor, Darío Xohán Cabana, o seguinte: "Na nosa memoria acouga a súa lembranza, e o seu espírito está nos libros que deixou, e sobre todo neste (Onte e Hoxe Vivencial) que garda o seu derradeiro alento lírico" (Limiar, p. 13).

Cando máis se podía esperar do seu xenio poético, deixounos dalgún xeito orfos. Porén, se ben é verdade que foi un Mestre no coñecemento do idioma de Rosalía e un inspirado poeta e notable cronista e narrador, non o foi menos na faceta de marido e de pai, sempre no seu sitio, sempre respetuoso, sempre garimoso, tanto coa súa dona Irene coma cos seus fillos Enrique e Santiago. E foi para min un dos meirandes, afervoados e indiscutibles amigos. Eu sempre me sentín con el na obriga de corresponder ás moitas deferencias que de continuo tivo comigo. Inda teño estereotipada no máis fondo da alma, e inda sona nos meus oídos, unha frase de tristura que me dixo estando en compañía de Xesús Vázquez Sánchez cando o visitei no Hospital Clínico de Barcelona. Falamos da actualidade e en algo non estivemos de acordo. O fin da conversa, díxome: "Blanquiño (atristurado) perdona. Non quero que te enfades por isto comigo". "Podes estar tranquilo ‑ lle dixen‑ que eu, endexamais me podería enfadar contigo. Ti sabes moi ben que todos somos libres de opinar e respetar a opinión dos demais". Foi a derradeira conversa que tiven con el”.

BLANCO CASTRO, MANUEL

 

"A Manuel Rodríguez López e a min xuntounos unha vez o Méndez Ferrín no seu luminoso libro DE PONDAL A NOVONEYRA: nos somos, segundo o mestre, dous dos poetas galegos modernos do suburbio e da fábrica.

Quizabes foi eso o primeiro que me uniu co Manolo, pero despois viñeron moitas cousas máis. Nos seu derradeiros anos - ¡quen podía pensar daquela que o eran! -, Manuel Rodríguez honroume moito a míudo coa súa conversa, e eu honreime coa súa amizade, gocei da súa sinxela bondade, asombreime a reo coa súa inocencia.

Esa inocencia convertíao nun home un pouco desamparado, exposto ós comenenciudos e ós aproveitados que percorren triunfantes os camiños da vida. Pero a el non parecía importarlle. Quizais tampouco non se decataba da falsía de moitos sorrisos: a súa anxélica inxenuidade poñíalle unha venda nos ollos, e defendíao contra moitas verdades tristes.

El tiña unha relixión, a da poesía e a cultura nacional. O nacionalismo de Manuel Rodríguez alimentábase da lingua, da historia e das tradicións, e tamén na paisaxe. Na paisaxe como refuxio do espirito, porque malia a súa inxenuidade, ás veces ó poeta non lle quedaría máis remedio ca saber "de moitas promesas e ditos incumpridos ó longo dos anos" e de "xentes que dan noraboas, parabens e saúdos falsarios".

Manuel Rodríguez foi, si, un poeta do suburbio e da fábrica, e tamén un poeta da nostalxia campesiña, un poeta patriótico e civil, un bardo na gran tradición nosa que informan Manuel Curros e Cabanillas, eos que tanto ten que ver, mesmo na música do verso. Dentro desa relixión viviu a súa vida enteira, curta de máis, tronzada no medio da madurez”.

CABANA, DARÍO XOHÁN

 

“Gracias a Manolo tamén somos moitos os que puidemos descubrir ou facer medrar o amor a esta terra nosa, xa que el foi deses galegos na diáspora que non deixou de amar a súa terra de orixe, e aínda estou por dicir que o contacto con Cataluña fíxolle amar máis a Galicia como lles pasou a moitos máis galegos; pero o amor xa o levaban dentro.

Manolo Rodríguez, ou Manuel Oreste, como gustaba de asinar os seus escritos, aínda estando lonxe, mantivo ben afincadas as raíces na súa Paradela e así puido manter tamén ben conxuntada a súa identidade e dar froitos aló que conservaban o bo sabor e o arrecendo dos de aquí”.

CARBALLO, XOSE MANUEL

 

“Nese agradecemento sempre incardino a figura de don Manuel Rodríguez López, xa que non concibiría a colectividade galega de Cataluña sen as súas crónicas daquelpresente que relatou para a prensa e que deron lugar a Galegos en Catalunya I-II. O presente de don Manuel Rodríguez López converteuse na base da historia dunha colectividade, como o definiu don Manuel Casado Nieto: “a pequena historia dun grupo humano que tivo nos seus momentos, ao compás do seu acontecer, un eco periodístico gardará de agora en diante unha certa unidade, e máis duradeira, nos andeis das bibliotecas”. Citando novamente a Casado Nieto en referencia a don Manuel Rodríguez: “e preséntanos diante das novas xeracións coma homes que souberon ser fieis á Terra en calquera circunstancia, a calquera hora”, fermosas verbas que reafirmo que, sen o esforzo persoal e familiar dun galeguista do talante de don Manuel, non conseguiriamos”.

CARRETE, MANOEL

 

"Benquerido amigo entre nós, poeta popular acreditado, excelente cultivador dun idioma castizo, home de ben en todos os sensos".

CASADO NIETO, MANUEL

 

"A súa modestia persoal acochaba unha formación humanística e cultural profunda, da que xamais presumiu e que moitos non soubemos valorar ate que nos faltou. Na miña lembranza deixou plasmada a autenticidade da súa homía de ben, o seu afectuoso trato persoal e uns valores culturais e literarios que outros, con máis lucidez, irán descubrindo ó profundar na súa obra".

DAPENA ALFONSÍN, FRANCISCO

 

“Eu persoalmente coñecín a Manolo e entrei no seu círculo de amigos só nos últimos anos da súa vida con residencia aquí en Lugo. Pero xa moito antes sabía de el e das súas singulares cualidades de poeta e de polifacético escritor, especialmente porque en repetidas ocasións fora amplamente informado diso polo seu gran amigo e tamén, coma el veciño de Paradela, Don Xesús Mato Mato, o meu compañeiro de curso en toda a nosa carreira sacerdotal. Esta convivencia foi moi continuada despois en moitas reunións fraternais e en non poucas actividades culturais”.

DELGADO GOMEZ, JAIME

 

“Convertíuse nun comunicador do vivir cotián dos galegos do exterior, da emigración, da diáspora, a quenes retratou nos seus libros "Galegos en Catalunya". Alleo á liña espida dos intereses enfrontados. Ben recibido en tódalas Asociacións socio-culturais, cuxas Xuntas Directivas, en datas significativas, recoñeceron o seu traballo no eido da cultura e agradeceron o servicio prestado.- "O Penedo" -Fogar Galego, despois que Rodríguez López viaxou cara o Alén, visitou o Cemiterio de Adai, na compañía da súa dona Irene e fillos, para ofrendarlle o seu recordo inesquecible”.

DÍAZ GALLEGO, IOLANDA

 

“Foise sendo moi neno a Barcelona para disfrutar da compaña dos seus pais. A este respecto e tendo en conta a súa tenra idade ben se pode afirmar que Manuel Oreste Rodríguez López é un emigrante precoz, pero non por vocación senón por necesidade (...) Quizais esas circunstancias e a súa innata capacidade para penetrar nos sentimentos e sofrementos dos seres máis cercanos, unida á súa experiencia vital, fan de Manuel un gran observador, pensador e poeta que canta nos seus versos as necesidades das xentes máis humildes, dentro dunha sociedade caracterizada polas desigualdades, a pobreza e a inxustiza. Asumida así esa realidade, o gran poeta de Paradela, de alma limpa, ou a plasmaba nos poemas ou rebentaba. Optou por facer o que todo home de ben faría: defender os máis humildes, “chorar” as inclemencias dos emigrantes e fustigar sen demasiada acritude á clase opresiva”.

FERNANDEZ LOPEZ, ANGEL

 

"Os pobos de emigrantes, como Galicia, síntense presentes nos longos camiños do mundo. Nas comunidades que axuntan ós fillos na diáspora atópanse sempre persoeiros que levan a elas e manteñen acesa a lumieira do espirito e que aportan, en troque, á Terra o mellor de canto lonxe déla poideron enxergar. Este é, entre tantos, o caso de Manuel Rodríguez López, afervoado cronista da actividade dos galegos en Catalunya e mensaxeiro ala do noso vivir."

FILGUEIRA VALVERDE, XOSÉ

 

“Manolo sempre foi fiel ao verbo galego. Os dous alimentamos coherencia proletaria, discurso de fábrica desde diversas perspectivas, el era mais pacífico, eu mais contundente e radical. Pese a isto podemos entendernos dialecticamente. Coido que a concordia e a esperanza déronlle forma, tanto no ser como no estar. Naqueles anos setenta, de loitas e convulsións políticas, onde os obreiros metalúrxicos tivemos un protagonismo constante, Manolo escribe o poemario: Soldada Mínima. Na dedicatoria que acompañaba ao libro que me ofreceu, salientou: Para o meu bon amigo, poeta e escritor, Xosé Lois García, que tanto sabe da problemática obreira que estamos a sufrir na Gran Cidá. Tanto os seus poemas como esta dedicatoria, expresan boa parte dese caudal proletario que sempre o acompañou”.

GARCIA, XOSE LOIS

 

"Coñecín a Manolo nos anos 60-70, na Praza Real de Barcelona, onde se celebraban os mercados dominicais de Filatelia e Numismática, afición común de ámbolos dous. Ó saber que eu era de Lugo e que estudiara no seminario, volcouse en favorecerme, axudarme e aconsellarme. Sempre falabamos de Lugo, da súa Galicia, das súas xentes, e lograba transmitirme aquel amor pola terra que lle rezumaba polos poros. Tiña unha grande cultura humanística, froito dos seus estudios no Seminario. Un día chamoume o amigo común, Manolo Blanco, e díxome que morrera. Quedoume un grande vacío no corazón que aínda hoxe, ó lembralo, sobrecólleme. Perderá ó poeta e ó amigo".

GARCÍA-DIEGO PÉREZ, LORENZO

 

MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ
(In memorian)
 
Manolo, Irmán,
que nos deixaches
os teus poemas,
a tua verba,
a túa man.
Xa escrito en pedra
debería estar,
aquel teu libro,
aqueles versos,
sempre tan fondos,
sempre tan tenros
e musicales,
que cando lemos
brinca na alma
algo moi ledo
i as pernas tolas
queren ruada,
queren bailar.
I a tua prosa,
tan ben coidada,
co termo exacto,
palabra clara,
sempre unha imaxe
daquela crónica.
I a inocencia do pobo chan,
a retranca daquela xente,
xente de aldea,
do que é un pobo,
do que é a Patria.
Patria Galega,
asoballada por os caciques
que sempre perto
dos gañanciales, pagan soldada.
“Soldada Mínima”
os bos obreiros
que somos todos
os que vivimos no “Gran Bulleiro”,
na gran cidade,
na emigración.

GONZÁLEZ VILELA, ALFREDO

 

“Hai uns días que nos deixou Manolo Rodríguez López, “Oreste”, como soía afirmar moitos dos seus artigos xornalísticos, un home do que, recurrindo ó tópico machadiano, habería que dicir que era “no bó senso da palabra, bó” (…) Hai uns días chegou pola noitiña á redacción de El Progreso. Traía un artigo para “Táboa Redonda” e, como sempre, estivemos a falar un pedazo: da súa recente operación, da que se atopaba moi recuperado, dunha nova colección literaria que estaba a piques de saír e, coma non, do idioma galego, a súa paixón de vello. Logo de parolar media hora, marchouse discretamente “pois non quero molestar máis o voso traballo”. Os dous días, polo seu fillo, coñecía da súa morte. Cando morreu Anxel Fole, “Oreste” escribiu: “Coa perda de tan esgrevio compañeiro de viaxes e inesquecibles xuntanzas, as miñas ilusionadas vacacións en Galicia perderon senso, murchadas polo loito”. Eu sei que agora, cando chegue o verán, non agardarei a chegada de Manolo pola redacción, disposto a levarse a Fole por eses camiños patrios porque os dous están agora no mundo dos bós e xenerosos. Ainda que no caso de “Oreste”, está sempre connosco presente, tal e como deixou dito nun poema seu: “Por oxe deixote / pro non coides, Xaniño / que xa ten rematado o meu cantar”.

GRANDE, ANTON

 

“Sabede, os que isto ledes, que Manuel Oreste era para min un home que sempre estaba e sempre viña. Sabede que estaba presente aínda no lonxe, porque non saía da Terra, ...quero dicir que non marchaba mais que fisicamente. Estaba ao día de todos os aconteceres e con esa estraña perspectiva dos que ven máis horizonte precisamente porque están lonxe. Pero Manuel Oreste nunca se ía de nós. Eu atopábao paseando Lugo. Notábase que viña respirando a cidade e recadando o aire das rúas, dos camiños de auga e pedra por baixo os ceos cincentos. Viña de Barcelona cargado de ansias e desexos que, probablemente, logo escachaban contra os muros de incomprensión endurecidos polas represións e silencios. Contábame dos seus libros e poemas, algún deles musicado polo meu compadre, tamén falecido, Suso Vaamonde. Cantas veces cantamos a de Vestida de aldraxe e mouras cubizas, ... E quen me había dicir a min que un poema que eu fixen “Quixo o paxaro pousar na ponla o seu chío” dedicado ao Suso cantor, chegaría a ser premio Manuel Oreste no ano 2000. Suso leuno, cando xa estaba ben enfermo, e gustou del, mesmo sei que se emocionou. Xuntámonos deste xeito nunha aventura común, de novo os tres”.

IGLESIAS DOBARRIO, BALDOMERO (MERO)

 

"Manolo, eu aprecieite, valoreite, lin os teus libros, chorei, preguei... coido que te amei. Agardo facer méritos aquí, para poder volver a vernos aló, no máis alto, onde están as persoas boas coma ti".

LÓPEZ FRAGA, JOSÉ LUÍS

 

"Foi animador constante da vida cultural galega en Barcelona, mestre de tantos no exercicio da galeguidade, excelente poeta e narrador e, por riba de todo, un galego dos "bós e xenerosos" ¡Que Deus o teña nun recuncho do Ceo, esperando por nós, e que continúe aló facendo os seus versos, soñando coa Galicia ideal, traballando por ela, pois este traballo de amor pola Nosa Terra foi o seu exercicio constante ó longo dunha vida truncada cando máis fecunda podía ser.

Todos cantos fomos os seus amigos gardamos del a mellor lembranza, como home, como intelecutal, como escritor, como amigo. Traballou por todos nós, por facer realidade o soño dunha Galicia digna da súa historia. Somos moitos os que non o esqueceremos nunca".

LOSADA, BASILIO

 

“O poeta de Paradela (Lugo), Manuel Oreste Rodríguez López (1934/1990) pertence á caste e cerne dos que, ao través da longa e fermosa historia de Galiza, se decidiron a amar, a fondo perdido, á súa Terra/Mai e á súa Xente sinxela, traballadora e, demasiadas veces, tamén marxinada. Por dereito propio, Manolo ascendeu ó parnaso dos elixidos, dos que souberon estar á escoita constante das ilusións, alegrías e angustias do seu Pobo e acertaron co xeito de ollar e de amosar os camiños que levan á liberdade e á paz, sendo quen de manter forte e firme a esperanza. Coas armas pacíficas da poesía e da vida! Sen facer moito barullo. O lembrado poeta de Paradela, na segunda metade do século XX, soubo fiar e xunguir, a perfección e coa súa coherencia de vida, unha solemne sinfonía portadora dunha mensaxe de lucidez ante as loitas e inquedanzas de futuro das que nos falara, noutrora, o poeta/autor da letra do himno oficial de Galiza, D. Eduardo Pondal. “Os novos tempos van chegando” aínda que sexa a modiño. Grazas ao traballo e o esforzo dos novos poetas que veñen a ser os profetas do noso tempo”.

MATO, XESUS

 

"Manuel Rodríguez vive para sempre entre nós, pois acadou a inmortalidade co seu labor. Aquí está a confirmación do dito: dous lustros despois, gracias ás súas inquedanzas e recollendo a súa testemuña, é posible continuar co seu ideario, permitíndonos a nós, responsables do Goberno municipal, desenvolver un labor de apoio ó feito cultural da nosa terra, á vez que concede a oportunidade a todos aqueles que como Manuel Rodríguez, teñen a grandeza de ser mestres da sociedade e gozan da sensibilidade necesaria para espertar a espiritualidade de cadaquén, convertíndoa na alma do pobo, que é a súa cultura".

MATO DÍAZ, XOSÉ MANUEL, ALCALDE DE PARADELA

 

Os grandes temas deste autor son dous: a evocación do pasado, da infancia e da aldea (tema común con Celso Emilio Ferreiro, Díaz Castro e outros poetas menores), e a diatriba contra a cidade, o capitalismo e a explotación do proletario. Poesía, pois, obreiro-campesina fundamente sentida, interésanos máis polo que ten do primeiro cá do segundo elemento. En efeito, os escritores social-realistas galegos -entre os que manten un lugar importante este autor- en xeral non se teñen ocupado demasiado da vida e temas proletarios. Orabén, a partir do Monólogo do vello traballador, de Celso Emilio Ferreiro, ábrese un camino tópico, aínda que pouco frecuentado, no que a clase obreira é suxeito da composición. Xunto con escritores máis xovens -entre os que destaca Darío Xohan Cabana, de firmísima, severa e impecable lírica e idioma- Manuel Rodríguez López é un dos poetas galegos modernos do suburbio e da fábrica, neste sentido innovadores. O sarcasmo, a agresión satírica, non é meramente ideolóxica ou doutrinaria: a silicose, a vellez e ruina do traballador, o obreiro servil e entregue ó patrón, os mariñeiros afogados; en suma, homes en situacións concretas protagonizan o verso de este autor, que en ningún intre permite que estea ausente o enemigo de clase.

MÉNDEZ FERRÍN, XOSÉ LUIS

 

NA AGRADECIDA LEMBRANZA 
 
¡Abondarán as palabras!
amigo, para dicirche
-hoxe
novamente entalados
nas mesmas dores
numerosas de noutrora-
que che debo una anaco
do amor á Terra profesado
e agradecercho non sei.
¡Se abondaran as palabras!
Antígome namais un pouco
e recupero,
do cofre das lembranzas,
a túa voz, xa na Patria,
sosegada e correndo espida
entre os ventos ventureiros
que espallan os outonos.
Abondarán as palabras,
vello amigo,
¡...se as palabras abondaran!
 
MERO
(na lembranza de Manuel Rodríguez López)

 

“O seu mundo está dominado por unha nota nostálxico-evocativa da matria da infacia e da adolescencia, unha nota ético-condenatoria da inxusticia social que rexe na súa vida -esprotación do traballo, condena emigratoria, despotismo cínico dos privilexiados, etc., etc,-, e máis unha nota de noxo e refugamento da escravitude corruptora que se acobilla na urbe supercivilizada. Todas elas redúcense a unha: a afirmación da dignidade do home. O noso poeta protesta cos seus versos contra un mundo desalmado no que se abafa constantemente esa dignidade.

Mérito destacado de Rodríguez López é o seu espléndido galego, sinxelo, vivo e de gran riqueza espresiva”.

PIÑEIRO, RAMÓN

 

“É daquela, con 16 ou 17 anos de idade, cando por Paco Campos (entón crítico literario do diario El Progreso) chega ás miñas mans o segundo libro publicado de Manuel Rodríguez López: “Saudade no bulleiro” (ano 70). Libro este que me impactou de forma que foron poemas para ler e reler moitas veces e nos que, eu adolescente, achaba tanta claridade e tanta verdade que resultaba un tesouro de palabra descarnada, de quen descoñecido, ata entón para min, escribía aqueles versos desde Catalunya. Sabía pouco máis de quen tan só era o manifesto dun poeta galego na emigración, pero si souben que me engaiolou xa dende o primeiro e maxistral poema dese libro. Cito os seis versos primeiros:

Sinto a nenez lonxana
arrebolando na eira,
xogando co balón feito de trapos,
un tiracoios i aquil carromato.
-Son moi probes os Magos das aldeas
i os da vila non chegan ás bisbarras-.
 

que me engaiolou en poemas, digo, ata o punto de memorizalos. Que me engaiolou mesmo, insisto, dende ese heptasílabo perfecto do título e que daquela investiguei para saber cál era a mensaxe que o autor tencionaba transmitirnos xuntando aquelas dúas palabras. De “saudade” si: dor da ausencia ou lembranza nostálxica por algo ou alguén querido pero distante. Estaba claro. Pero de “bulleiro”, só atopaba -creo acordar- significados como: lodo que se forma nos camiños despois da chuvia, ou paraxe pantanosa, ou lugar onde nace a auga, ou manancial que abrolla no chan… O caso é que por Ánxel Fole (con quen por eses anos frecuentaba eu asiduas conversas de media tarde no ventanal de El Regio que daba á ronda da muralla) souben que “bulleiro” podía ter, tiña, un significado figurado referido a feitos e actitudes que degradan ou envilecen. E por moitos anos aquel título do libro de Manuel Rodríguez López era para min, en traducción libre: “Dor nostálxica das cousas distantes amadas dende o lugar de vivir de preto todo o que degrada e envilece a vida e as accións do home”. (¡Tiña leria a libérrima transcrición miña de “Saudade no bulleiro”!). En todo caso, inquedante título para un libro de poemas denunciador e contundente. Ese foi o meu primeiro achegamento a unhas páxinas nos que o autor semellaba delongar os versos, o idioma dos versos, e a vida, e mesmo as mans da vida. E mesmo parecíame que o poeta andaba a petar nas portas pechadas das conciencias, sen moito achar quen as abrira”.

RODRIGUEZ BARRIO, XAVIER

 

"Gracias a todos por la web de Manuel, en contados casos, los familiares o herederos de poetas son tan generosos en la difusión o se molestan en dejar constancia para siempre de su obra, por lo que debo felicitaros y felicitarme en nombre de los amantes de la poesía.

No me canso de repetir allá donde voy que los poetas no escribimos para vivir de la poesía, ser poeta colma cualquier otra expectativa y seguro que Manuel desde allá donde se reúnen los poetas, os agradece la difusión de su obra a la que dedicó su vida

Un fuerte abrazo y a vuestra disposición siempre, en y por la poesía"

SABIDO SÁNCHEZ, FERNANDO

 

“Manolo era o compañeiro que sabías non che había fallar nunca e que sempre sabía estar no seu posto. O seu posto non era outro có de avivecedor da vida galega en tódolos eidos. A súa ausencia vaise notar precisamente porque nos vén demostrar o moito que fixo este home dende posicións repregadas e sen ningún afán de notoriedade. Manolo foi deses homes dos que sempre se precisa e que deixan un oco nada doado de encher.

Coa morte de Manolo Rodríguez os galegos de Barcelona perdemos un amigo e un embaixador inesgotable na nosa terra. Galicia, tódolos galegos, perdemos unha persoa que fixo país no senso fondo da expresión. O seu pasamento deixa, dalgún xeito, un espacio baleiro no noso espíritu e na nosa terra. Orgallá o seu exemplo rexo e decisivo siga a estimula-lo esforzo dos máis novos. Galicia así o precisa e esa ha se-la mellor homenaxe que poderíamos tributar ó compañeiro morto”.

SOTELO BLANCO, OLEGARIO

 

"Galego de nacemento e de corazón e catalán de adopción, poeta da nosa lingua e coñecedor a fondo da catalana, con ampla formación humanística e coñecemento da cultura e mitoloxía clásicas..."

VÁZQUEZ PORTOMEÑE, VÍCTOR MANUEL

 

"Entre as súas moitas virtudes destacarei a súa fidelidade. Era un home co que sempre podías contar, sen ter nengunha dúbida de que fallara, e sen agardar nada a cambio. Un home ó que eu considero un amigo. E o seu talante: de home campechano, sinxelo, prudente, sinceiro, comprensivo e respectuoso. Sendo sempre el: Manolo, un home bo".

VÁZQUEZ SÁNCHEZ, JESÚS

 

“Lembrarei sempre de Manolo a súa amistade, e a súa ilusión. Ilusión pola que viaxou por toda Galicia con Fole e con Benxamín Andrade para que o vello e xenial escritor recorrese o país. Ilusión coa que fixo a versión ó galego da Atlántida de Verdaguer… Ilusión que puxo en conseguir –e consigueuno- en que a cidade de Lugo lle fixese xusticia a Narciso Peinado e a Anxel Fole. Preocupouse sempre polos demais, nunca por si mesmo. Onte, os informadores lucenses declarárono “Lucense do Ano”. Coa nosa presencia aquí, hoxe, declarámolo Amigo, Bon Home… Descansa en paz, Manolo, amigo, bon home, xeneroso, galego de honra… Excelentísimo… verdadeiramente Excelentísimo e Señor”.

XIZ RAMIL, XULIO